Volver
Concello de Santiago de Compostela Home

Pacto Local polo Emprego

Liña estratéxica LE1. Apoiar ás persoas para o emprego.

Desenvolver, no marco da Lei 3/2023 de Emprego, novas vías de colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia, que permitan impulsar, en Santiago, un Plan integral de emprego mediante a utilización de instrumentos como o contrato-programa plurianual que contemple todas as actuacións no ámbito das políticas activas de emprego (orientación laboral, formación para o emprego e intermediación laboral e emprendemento), a desenvolver na cidade.

OE1. Plan de orientación laboral para o emprego.

Comprende as actuacións de información, orientación profesional, motivación, asesoramento, diagnóstico e determinación do perfil profesional e de competencias, deseño e xestión da traxectoria individual de aprendizaxe, procura de emprego, intermediación laboral. Así mesmo, comprende as actuacións de prospección de necesidades e prestación dos servizos de emprego ás empresas.

  • Meta 1. Reforzar os servizo de información e orientación laboral existentes na cidade, facendo operativo o dereito á atención personalizada, a titorización individual e o asesoramento continuado.
  • Meta 2. Mellorar as ferramentas de diagnóstico da empregabilidade para determinar os ámbitos de mellora de cada persoa e para avanzar na personalización da atención.
  • Meta 3. Incorporar nos procesos de orientación a construción do proxecto profesional como estratexia metodolóxica para axudar ás persoas no seu desenvolvemento profesional.
  • Meta 4. Fortalecer os recursos de prospección e intermediación laboral existentes na Axencia local de Colocación para multiplicar a detección e xeración de oportunidades no mercado de traballo como elemento facilitador da empregabilidade.
  • Meta 5. Reforzar o achegamento dos servizos de orientación as persoas máis vulnerables, con especial atención ás residentes barrios e parroquias rurais.
  • Meta 6. Mellorar a cualificación dos profesionais de orientación e do persoal técnico dos servizos de emprego municipais e das entidades colaboradoras.

OE2. Plan de formación para emprego.

Garantir a existencia dunha oferta formativa accesible, que prepare ás persoas en situación de desemprego para que poidan desenvolver ocupacións especialmente demandadas no mercado laboral.

Inclúe as actuacións de formación para o emprego, dirixidas á aprendizaxe, formación, recualificación ou reciclaxe profesional e de formación en alternancia coa actividade laboral, incluídos os programas públicos de emprego e formación, que permitan á persoa beneficiaria adquirir competencias ou mellorar a súa experiencia profesional, para mellorar a súa cualificación e facilitar a súa inserción laboral.

  • Meta 7. Deseño de programas formativos específicos e adaptados para os colectivos con especiais dificultades para o acceso e mantemento do emprego e para o desenvolvemento da súa empregabilidade. Estes colectivos son: as persoas mozas (especialmente con baixa cualificación), persoas en desemprego de longa duración, persoas con discapacidade, persoas con capacidade intelectual límite, persoas con trastornos do espectro autista, persoas LGTBI (en particular trans), persoas maiores de corenta e cinco anos, persoas migrantes, persoas beneficiarias de protección internacional e solicitantes de protección internacional nos termos establecidos na normativa específica aplicable, persoas vítimas de trata de seres humanos, mulleres con baixa cualificación, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas en situación de exclusión social, persoas xitanas ou pertencentes a outros grupos poboacionais étnicos ou relixiosos, persoas traballadoras que proveñen de sectores en reestruturación, persoas afectadas por drogodependencias e outras adiccións, persoas vítimas do terrorismo (así como persoas cuxa garda e tutela sexa ou fose asumida polas Administracións públicas), persoas descendentes en primeiro grao das mulleres vítimas de violencia de xénero e, persoas adultas con menores de dezaseis anos ou maiores dependentes a cargo(especialmente se constitúen familias monomarentais e monoparentais).
  • Meta 8. Actualización permanente da oferta formativa existente na cidade. Que permita modernizar as distintas modalidades do sistema formativo para adaptala ás demandas cambiantes do mercado , especialmente no ámbito das TIC e a IA, a través da creación dun ecosistema de relanzamento económico desde a aposta polo capital humano e o talento.
  • Meta 9. Fomentar a creación de espazos de traballo conxunto e innovadores entre o persoal docente do sistema de formación profesional da cidade, para avanzar na integración do sistema de formación profesional exposta no novo marco normativo da LOIFP, e a conexión do Catálogo de Especialidades Formativas do SEPE co novo Catálogo Nacional de Estándares de Competencias, establecendo as necesarias correspondencias entre ambos.
  • Meta 10. Fortalecer o despregamento da formación dual nos ámbitos da formación profesional para o emprego e na formación universitaria(Lei Orgánica do Sistema universitario).
  • Meta 11. Fomentar a presenza de organizacións e empresas locais, especialmente pemes, na “Alianza Europea para a Formación de Aprendices”, co obxectivo de experimentar novos instrumentos que faciliten a transición da educación e a formación, ao traballo. Combinando a formación na empresa coa educación escolar.

OE3. Oportunidades de emprego.

Inclúe as actuacións que teñen por obxecto incentivar a contratación, a creación de emprego ou o mantemento dos postos de traballo. Tamén inclúe as dirixidas a facilitar a mobilidade laboral ou promover a contratación en sectores de actividade diferentes daqueles nos que se traballou habitualmente. Meta 12. Establecer un Plan de emprego municipal especialmente dirixido a colectivos con alto grao de vulnerabilidade no emprego a través da realización de obras ou servizos de interese xeral. Abrindo novas vías de colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia, mediante a utilización de instrumentos como o contrato-programa plurianual.
  • Meta 13. Promover un Plan de emprego novo da cidade de Santiago, co obxectivo de proporcionar oportunidades de emprego a persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos, na execución de proxectos inspirados nos programas mixtos de emprego e formación.
  • Meta 14. Mellorar a resposta ás necesidades do mercado laboral, promovendo a mobilidade laboral en sectores en procesos extintivos ou afectados pola estacionalización, creando novas oportunidades de mobilidade da man de obra a través da recualificación e os incentivos á contratación.
  • Meta 15. Fortalecer os recursos da Axencia Local de Colocación, como servizo público local de emprego, para a xestión das ofertas de emprego existentes na cidade. Incorporando novos servizos como: a xestión colectiva de contratacións en orixe; a mobilidade laboral transnacional; ou, o autoemprego, servindo tanto de escaparate para os seus servizos como para promover as relacións entre persoas emprendedoras e investidoras.

OE4. Igualdade de oportunidades no acceso ao emprego.

Garantir a igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego. Comprende as actuacións dirixidas a aqueles colectivos que teñen maior dificultade no acceso ou permanencia no emprego, con especial consideración á situación das persoas con discapacidade, das persoas en situación de exclusión social, das persoas con responsabilidades familiares e das mulleres vítimas de violencia de xénero. En particular, terase en conta de maneira activa o obxectivo da igualdade de trato entre mulleres e homes para garantir, na práctica, a plena igualdade no acceso, permanencia e promoción no emprego, así como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

  • Meta 16. Establecer un Plan de mellora da conciliación da vida familiar e laboral que inclúa formación, flexibilización de xornadas, traballo en remoto, promoción da igualdade entre homes e mulleres e o reforzo dos servizos de atención á infancia, maiores e dependencia.
  • Meta 17. Promover iniciativas que afloren a economía somerxida e reduzan o fraude fiscal e, que fomenten a contratación regular das mulleres que están na economía informal.
  • Meta 18. Promover programas singulares de inserción sociolaboral que faciliten a reincorporación ao traballo tras un período de inactividade por coidado de familiares.
  • Meta 19. Diminuír a segregación horizontal, favorecendo a incorporación das mulleres a actividades nas que están subrepresentadas, a través da súa participación en cursos de formación para o emprego ou de reciclaxe naquelas profesións nas que están subrepresentadas, nas que existe maior demanda de emprego e nos sectores emerxentes.
  • Meta 20. Informar, sensibilizar e formar en igualdade os axentes económicos, traballando cos estereotipos de xénero sobre as capacidades de mulleres e homes para o desempeño de determinadas ocupacións, a dispoñibilidade e o absentismo de ambos os sexos, a diversificación laboral, etc. e mostrando referentes e experiencias de boas prácticas laborais que contribúan a romper a segregación laboral

OE5. Emprendemento.

Comprende as actividades dirixidas a mellorar a produtividade local, a xeración de emprego e a dinamización e diversificación da actividade económica da cidade, apostando pola innovación, a tecnoloxía, a cultura e a economía circular, equilibrando o peso dos sectores económicos en PIB, emprego e VAB, a través do fomento da iniciativa empresarial, o traballo autónomo e a economía social.
  • Meta 21. Fomentar a cultura emprendedora e o emprendemento a través do asesoramento, formación e acompañamento para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, así como o desenvolvemento de programas de apoio ás empresas e o traballo autónomo (xóvenes, colectivos vulnerables,…) para lograr o seu crecemento e consolidación.
  • Meta 22. Ampliar e fomentar a creación de espazos de traballo flexibles e colaborativo para o emprendemento (coworking, viveiros, coliving, cohousing, centros de creación de empresas, incubadoras, lounge, etc.)
  • Meta 23. Posta en marcha dunha incubadora de industrias culturais e creativas mediante a creación dunha cooperativa de servizos culturais que permita a xeración de sinerxías entre integrantes, compartir servizos xerais, promover proxectos conxuntos, etc.
  • Meta 24. Promover programas de colaboración coa universidade para potenciar o emprendemento en sectores innovadores entre a comunidade universitaria.
  • Meta 25. Promover programas de colaboración cos Centros de Formación profesional para potenciar o emprendemento entre o seu alumnado e egresado.
  • Meta 26. Crear unha Rede de entidades públicas e privadas para o emprendemento local, co obxectivo de construír un ecosistema emprendedor que conecte ao persoal empresario, investidor, investigador e ás entidades para facilitar os procesos emprendedores de nosa cidade.
  • Meta 27. Desenvolvemento dun programa de emprendemento verde dedicado ao medio natural, enerxías renovables, eficiencia enerxética, ecoinnovación, ecodeseño ou optimización de recursos naturais e Santiago.
  • Meta 28. Crear oportunidades para que as empresas da ‘economía social’ se poñan en marcha e medren. Para aumentar a súa visibilidade, mellorar o recoñecemento do seu traballo e o seu potencial para a xeración dun tecido económico, inclusivo e sostible.
  • Meta 29. Creación dunha aceleradora urbana de empresas de economía social que respondan aos retos urbanos de Santiago (turismo sostible, patrimonio cultural, economía de proximidade, mobilidade urbana sostible, cidade conectada, cidade saudable, economía dos coidados, etc.)